PROXECTO BABEL | VOLUNTARIADO LINGÜÍSTICO

INTERCAMBIO DE LINGUAS

Neste momento contamos con: alemán, catalán, español, francés, galego, holandés, inglés, olof, noruego, turco

Este proxecto está destinado á integración e intercambio lingüístico e cultural entre veciños de Brión de diferentes nacionalidades e procedencias a través dunha bolsa de intercambio de conversación nas diferentes linguas maternas das persoas interesadas.

O obxectivo deste proxecto é facilitar e favorecer o intercambio lingüístico e o coñecemento doutras culturas, en especial a galega, entre os veciños do Concello, acadando así unha maior interrelación e coñecemento mutuo entre eles.


QUEN PODE PARTICIPAR?

Pode participar no proxecto calquera veciño do Concello de Brión, maior de idade, inscrito como voluntario na Oficina Municipal de Voluntariado, que teña un coñecemento básico da lingua na que quere conversar.


COMO O FAREMOS?

O proxecto plantéxase en torno á realización de 10 sesións dunha hora de duración cada unha co fin de acadar maior fluidez na conversa na lingua que interese ó demandante.

As persoas interesadas poderán inscribirse como demandantes (necesitan adquirir fluidez nunha lingua) e/ou ofertantes (ofrecen o seu coñecemento nunha lingua). Tendo en conta as linguas e os horarios nos que se inscriben formaranse parellas para as sesións.

As parellas poderán ser unilaterais (conversas só nunha lingua) ou bilaterais (intercambio de conversas nas dúas linguas da parella).

As parellas terán libertade para organizar as súas sesións dacordo ás súas preferencias acomodándoas á súa dispoñibilidade. O primeiro encontro realizarase na Oficina Municipal de Voluntariado e os seguintes onde a parella decida: tomando un café, dando un paseo, indo xuntos a algunha actividade...


ONDE ME APUNTO?

Se che interesa o proxecto podes inscribirte na Oficina Municipal de Voluntariado, na Casa da Cultura (Carballeira de Santa Minia nº5).

Tamén podes poñerte en contacto por teléfono: 981 509 908, ou por correo electrónico: voluntariado@briondixital.org

En todo momento os voluntarios terán vía aberta de comunicación ca Oficina Municipal de Voluntariado podendo presentar queixas e aportar ideas de mellora, que se tentarán implementar canto antes na medida do posible.

Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More